De onde veñen as letras?

O pasado día 8 de abril tiven a honra de ser convidado por Eva Graña, responsable do equipo de Dinamización Lingüística do colexio Escultor Acuña de Vigo, a participar na actividade Bibliotecas viventes destinada a rapaces do segundo ciclo de primaria.

De onde veñen as letras? Taller colexio escultor Acuña de Vigo

Co obxectivo de introducir aos nenos (e tamén aos seus mestres) no mundo da tipografía, decidín facerlles un percorrido ilustrado pola historia da escritura dende o home primitivo ata a tipografía dixital contemporánea. Mediante láminas e facendo demostracións prácticas coas que puidemos xogar entre todos, coñecemos os primeiros pictogramas sumerios, o alfabeto fenicio e a súa posterior evolución por parte de gregos e romanos, os monxes copistas da idade media e o nacemento da imprenta da man de Gutenberg. Tamén aprendemos como a partir dese momento nace a tipografía e as letras pasan a ser debuxadas e talladas sobre chumbo ou madeira, como xurdiron as tipos de pau seco, a chegada do ordenador nos oitenta e moitas outras cousas.

Aínda que poida parecer un contido tedioso para un neno de oito a dez anos, facéndoo coma se dun conto se tratara mantivéronse moi atentos e interesados. De toda a sesión quédome coas súas caras de sorpresa ao descubrir o que acontece cando escribimos empregando unha ferramenta de punta plana. A modulación dos trazos grosos e finos imposibles de conseguir cun lapis ou rotulador, o ductus propio das caligrafías carolingias… encántalles escribir o se nome coas mesmas letras que poden atopar nos seus libros. Tamén fascinante foi xogar cos tipos de chumbo, compoñendo cada un o seu nome e estampándoo sobre pezas de plastilina.

Dou os meus parabéns ao centro por esta interesante iniciativa de descubrir cos rapaces de onde veñen as letras.



Los comentarios están cerrados.